Este domingo as rúas da Coruña verán a un equipo moi especial na Coruña 10. Vestidos con equipamento “militar”, este grupo, “o máis bonito de toda a carreira, o único que se vai ver alegre e pasándoo ben” son os Marines ENKI.
Este conxunto de corredoras e corredores xa é un habitual das carreiras populares, nas que empurran os carriños de Mario e Inés (de aí Marines), con discapacidade pero apaixoadas polo deporte. Rocío Alfonso é a nai de Inés, e apunta que “no deporte estamos completamente normalizados. Podemos ir con ela coma se non houbese discapacidade”.
O proxecto Marines ENKI naceu para superar obstáculos
Na familia de Rocío e Inés o deporte era parte da rutina, “probamos por ocio familiar e encantoulle“. Desde o 2014 os cinco compoñentes da familia comezaron no Coruña Corre e outras citas, pero a verdadeira revolución chegaría máis adiante.
Inés ten 14 anos e unha enfermidade rara chamada Síndrome de Cornelia de Lange, e agora participa cos Marines subida a un carriño de running. Entre as amizades que a familia fixo nos eventos deportivos está a familia de Mario, un neno que sofre parálise cerebral e que acudía ás citas co seu pai nun deses vehículos.
“O proxecto naceu das complicacións”, recorda Rocío botando a vista atrás. As primeiras veces que intentaron participar nas carreiras populares co carro foron descalificados. A base de insistencia, a regulación mudou cun acordo coa Federación e o Concello da Coruña, e agora están permitidos se son para levar a persoas con discapacidade, un cambio que “viu de aí, da necesidade dos nosos fillos de participar con nós, que poucas cousas podemos facer en común pero o deporte é unha”.
Rocío Alfonso: “Poucas cousas podemos facer en común pero o deporte é unha”
Carreira a carreira foron creando ao seu redor unha rede de apoio nun doble sentido, á hora de empurrar o carriño, e mental, ao crear un grupo común: “Agora os amigos que a coñecen do deporte, se algún día teñen que quedar con ela pois o fan. Axúdate no día a día, que pode dar medo non saber facelo ben ou medo ao descoñecido”.
A primeira participación oficial de Marines ENKI foi na C21 do 2020, celebrada no mes de febreiro, pouco antes do estalido da pandemia. “Nacimos para a C21. Xuntámonos e falamos con ENKI, que nos da a infraestrutura e os vehículos adaptados, porque son moi caros. Unha silla para correr polo monte coma a que usamos con Inés vale 4.000 euros e ti non podes mercala por probar e que despois a nena diga que non lle gusta”, apunta Rocío.
Paixón pola velocidade
Desde entón, e malia o parón obrigado, o proxecto non deixou de medrar. Agora participan tanto en asfalto coma en monte: “Gústannos as da cidade porque é onde corremos e adestramos e é máis cómodo para nós, e agora tamén queremos ir máis fóra para viaxar e facer plans con eles”.
Sen ir máis lonxe, hai un par de semanas o equipo participou na media maratón de Ribadeo, onde o equipo ao completo desfrutou da experiencia. Pero máis aló da carreira, a Mario e a Inés tamén lles gustan os recoñecementos. “Os da organización sempre teñen un detalle cos nenos, dánlles unha medallita, ou os suben ao podio. E nós diciamos iso da igual, con que nos deixedes participar xa está, pero é mentira, resulta que lles gusta. Parecíame raro porque Inés non tiña capacidade ningunha e agora ata morde a medalla ao Nadal”.
Rocío Alfonso: “Inés non tiña capacidade ningunha e agora ata morde a medalla ao Nadal”
Ademais, os xa expertos corredores demandan emocións fortes. “Mario ten parálise cerebral e hai que protexer o seu dorso, pero intentamos darlle velocidade porque o traqueteo lles gusta, pero lle vén mal. E logo tolas como a miña, que non ten ningún problema físico de control corporal, que ela se xestiona ben e non ten problema ningún, canto máis velocidade e máis loco sexa, máis ri. Á miña gústanlles as emocións fortes. Eu non iría con Inés no monte, non me subiría a esa silla, dígocho de verdade. Da moito medo. Son inconscientes ou valentes, pero o pasan pipa”, explica animada Rocío.
ENKI recada máis de 2.000 euros para o proxecto benéfico Marines
Deporte é saúde
Ademais de pasalo ben, o deporte está a ter beneficios na saúde dos nenos. No caso de Inés “mellorou un montón o control postural, durme moito mellor. Cando non a saco a correr non pode dormir, necesita ese movemento e ese estímulo”.
Antes era máis difícil controlar a Inés nas esperas, “pero nas carreiras é capaz de agardar o seu turno quieta e sen protestar é incríble. Tanto desexo e gañas de saír ten que se porta ben na saída”, indica a súa nai. “O deporte axuda e se tes outros problemas físicos, como tiña Inés, que tiña moitos problemas de enfermidades, axudouna moitísimo, cada vez está menos tempo enferma”, explica.
Normalización co dorsal ao dorso
“O deporte non só é un ocio para eles e para nós foi normalizalo”, resume Rocío. “A nosa intención ao ir con ela a todos os sitios sempre foi visibilizar”, engade.
www.asnosas.gal/a-experiencia-dun-voluntario-de-marines-enki
Para os nenos participar nestes eventos “é coma unha festa. Ao principio mirábannos raro, pero agora xa… É unha pasada, cando vas nunha carreira ou pola rúa, todo o mundo saúda a Inés. Teñen fans, nós somos anónimos. Pasamos da discapacidade, que parece que somos os apartados, a sentirse estrelas. Iso é incríble, nós como pais non podemos estar máis contentos”.
Rocío Alfonso: “Pasamos da discapacidade, que parece que somos os apartados, a sentirse estrelas. Iso é incríble, nós como pais non podemos estar máis contentos”
Ademais a familia está a medrar, e na C10 tamén estará Paula. “Están atados a unha silla e isto dálles velocidade, compañeirismo, socialización. Dámoslle unha vida social que non tiñan e no seu caso sen os seus pais”, engade.
Ao final, o obxectivo de Marines ENKI non é outro que “darlle mobilidade e un rato de ocio a esas persoas que por eles mesmos non poden. E a nós que máis nos da correr sós que coller e levar a alguén e pasalo ben. Mellor o pasamos nós”, indica Rocío. Unha mostra do seu lema ‘Empurrando sorrisos’.